Data: 23/12/2019
O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica hoxe a inscrición definitiva no Rexistro Comunitario da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Así, o regulamento da Comisión polo que se produce a inscrición da IXP entrará en vigor dentro de 20 días e para entón o Pan Galego contará xa con esa protección no ámbito europeo a todos os efectos.
As características que deberá ter o pan para poder acollerse a esta Indicación están recollidas no correspondente prego de condicións. Trátase dun pan de codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –cando menos un 25% do total– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos, recuperadas grazas ao traballo do equipo de investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Actualmente no Banco de Xermoplasma de este centro, consérvanse preto de 200 ecotipos de trigo galego, dos cales dúas variedades, Callobre e Caaveiro, foron xa rexistradas en colaboración cos panadeiros.
Ademais, a súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractorios.
O prego de condicións establece tamén os diferentes formatos tradicionais que se admiten, os rangos de pesos que poden ter as pezas e define as características da codia e da miga, así como o aroma e sabor do produto.
http://mediorural.xunta.gal/nc/institucional/comunicacion/nova/nx/nova_estandar45886.html/
PROXECTOS
ACTIVIDADES
APLICACIÓNS RAX