Data: 19/11/2017
FONTE DA NOVA: El Correo Gallego
O Instituto de Calidade Alimentaria, dependente de Medio Rural, protexe os estándares das Indicacións Xeográficas e Denominacións de Orixe Protexidas / Promove a profesionalización.
Os produtos agroalimentarios de calidade galegos non chegan ás baldas dos supermercados sen máis, antes sofren un proceso de certificación e control da súa calidade que garante os estándares da Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ao que cada un pertence. Para este traballo, ademais do que realiza cada un destes entes, a Xunta de Galicia dispón dun organismo que vela pola calidade. Trátase do Ingacal, o Instituto Galego de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural. O Ingacal, naceu coa misión de promover e protexer a calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade e coordinar e promover a investigación e desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario. Deste xeito, potencia a investigación e cataliza esta actividade para suplir os déficits que nesta materia se poidan producir na comunidade.
Centros e departamentos do ingacal.
En canto aos organismos dependentes do instituto, están os servizos centrais, o centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que conta coa Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra, a Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón e coa Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño. Ademais, está o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), cunha Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía en Ribadumia; o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga) e, por último, o Departamento de Protección da Calidade Diferencial (DDCF).
A través da coordinación dos centros de investigación e laboratorios dependentes da Consellería do Medio Rural o Instituto converteuse no instrumento fundamental na investigación agraria da Xunta de Galicia. Unha mostra da importancia do labor realizado e da súa vocación de servizo ao sector agrario galego son os máis de 115 proxectos de I+D+i desenvolvidos no período 2012-2015, dos cales máis do 60 % foron prestación de servizos tecnolóxicos a empresas do sector agrario e forestal de Galicia.
No ámbito da prestación de servizos ao sector agrario, os laboratorios que coordina o Ingacal realizaron un total de 1.912.336 determinacións analíticas de produtos agrarios e alimentarios. No ano 2015 conseguiuse a acreditación pola ENAC na norma UNE-EN-ISO 17025 dos parámetros básicos das análises dos viños na Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia, que se une así ao Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, que conta xa con 49 ensaios acreditados.
PROXECTOS
ACTIVIDADES
APLICACIÓNS RAX